jueves 27 de enero de 2011

III

A Romeo e a Xulieta pilláranos unha vez copiando nunha examen de francés, moi cativos. Se de mozos se acordasen daquela anécdota e se ademais gustasen de ver algo transcendente no pasado, de seguro pensarían que fora aquel cero no exame - e a chamada aos pais, por suposto- o principio de todo. Mais non. Ningún dos dous sabía moi ben onde quedara o principio. Aquel día, ao volver co suspenso á casa, a Romeo retiráranlle a bicicleta, as clases de guitarra, o chocolate das merendas e os sábados pola mañá na piscina. O peor de todo non é que sexas tramposo, é que es parvo. Mira que copiar desa tarambaina, se ti sabes máis francés ca ela. Xulieta non dixera nada, entrara na casa dos pais moi caladiña, co exame sen corrixir no peto pequeno da maleta. Logo collérao, mirárao con rabia e soltara unha bágoa. Dérase conta de que lle puxera suxeito a todos os imperativos. Merda, Xulieta, cantas veces non o repasarías onte? Mange, mangeons, mangez, eran so tres persoas e ti sabíalo Xulieta, como vas caer sempre no mesmo erro? Por riba o parvo de Romeo seguro que copiou o bon e se riu do malo. El sempre fai iso. Aproveita o cómodo e deixa os cristos para os demais. Estarase agora burlando da túa maneira de facer o imperativo.
[Se ese fose o principio, Romeo e Xulieta comezaran aborrecéndose moito]
Dous días despois, o pai de Romeo, o pai de Xulieta, o xefe de estudos, eles dous coa cabeza baixa e a mestra de francés asistían ao xuízo sumarísimo no despacho do director. A Romeo o seu vello pasáballe a man pola cabeza de cando en cando e chamáballe campión. Romeo dicía que llo chamaba sempre, aínda que non lle gustara moito que se refirise a el así fóra da casa. O pai de Xulieta avisáraa antes. Que vergoña, eu non te penso defender. E ti non dicías nada, tivo que chamar o director para me enterar. Que vergoña, ti a min non te pareces, ho, es coma túa nai de tramposa, pero ti comezas máis nova, has de ser moito peor ca ela.
- Esa é a pícara, Romeo? - preguntara o pai.
- Si - contestara el
- Ola Xulieta, son o pai de Romeo.
- Ola. Eu son Xulieta. E non tiven culpa de nada.
Romeo case non podía nin pasar a saliva. Cando o director lles pediu que se desen a man como xesto de paz, el apertouna como se lle quixera romper os ósos. Xulieta pasou moitas noites pensando nese momento, até que co tempo o esqueceu, así que cando Romeo volveu a facer algo semellante anos despois - unha noite, co Loureiro sen unha alma e os dezasete acabados de cumprir - ela creu que era a primeira vez. Era tan doado enganarse.
Romeo pasou un mes sen sair ao recreo e Xulieta copiou cen veces o imperativo do verbo manger para non esquecelo nunca. Aos pais pareceulles xusto. Romeíño era un campión pero ás veces pecaba de inxenuo e cría que todo o mundo lle deixaría a folla do seu exame con gusto. Xulieta, de seguir así, sería unha moza problemática, con dificultades para levar a bo porto calquera tipo de relación (humana, sinalara a orientadora do colexio antes de estalar a cativa nunha gargallada que lle custou unha nova reprimenda). Romeo non pensaba que Xulieta fose hermética, egoísta, fría e competitiva como dixera a psicóloga, se cadra so un pouco solitaria, pero os do seu sangue eran todos así. O pai dicíalle a Xulieta que o home que a levase a devolvería axiña. Ela berráballe que non era un saco de patacas e que ninguén a levaba, que se ía ela soa porque lle daba a gana. Romeo nunca oíra tal.
[Aquilo, mesmo cando ningún dos dous o lembraba, fora o principio]