lunes 6 de diciembre de 2010

A arrepentida

renego
das follas pautadas da primeira libreta
-non servían para anotar
o recordo da cheirume dos xeranios
a cegueira da nena prematura
ou a anfibia nostalxia da auga-
das mancaduras de amígdalas e rosetas
-teño brincos para sempre
de tanto apertar unha margarida contra a orella-
a avoa crioume para que fixese de farisea na misa
-coas mans dereitiñas
e a saia por debaixo dos xeonllos gustáballe moito ás veciñas-
por iso non vou querer
a desidia
nin o sangue callado nas veas

dicíannos que parir sempre é chorar risas vellas
pero eu aínda meto os pés nos regos
e baixo os automáticos para non ver o deserto
por iso renego
dos xeonllos cubertos da farisea
do buraco das rosetas na orella virxe
e do caderno no que escribo poemas arrepentidos